Para formar parte integrante da resistencia antifascista, hai que acabar coa propensión humanitaria na que adoitan incorrer todas as organizacións de solidariedade e, polo tanto, debemos explicar a orixe, causa e natureza da represión que padecemos, que non é outro que o réxime fascista que impera en España desde 1936, e como combater esa represión.
A loita antirrepresiva enmárcase dentro dun contexto de loita contra o fascismo. Está entre as nosas tarefas situar a loita contra a represión no seu xusto e profundo contido político, o que nos leva a asumir e apoiar unhas reivindicacións democráticas mínimas e tomar conciencia de que constituímos unha parte mesma do conxunto do movemento revolucionario.
Precisamente, polo papel destacado na loita contra o terrorismo de Estado, o Socorro Vermello Internacional apártase radicalmente de toda práctica contaminada polo reformismo e que se expresa a través de actitudes espontaneístas, desorganizadas, desvinculadas de obxectivos concretos, que fan inútil e inocua toda denuncia ao réxime. Prácticas reformistas que temos a obriga de desenmascarar e liquidalas do seo do movemento.
En definitiva, estamos formulando o inevitable carácter político da loita antirrepresiva. A solidariedade cos presos, a denuncia do Estado, a loita contra o terror fascista, simplemente, non se pode facer desde unha óptica «apolítica», á marxe do compromiso que nos obriga a ligarnos coa mesma resistencia, porque somos parte desa resistencia. O movemento antirrepresivo debe ser asumido como unha fronte de loita máis do conxunto do movemento popular e revolucionario.
O Socorro Vermello Internacional ten o cometido de organizar amplos sectores populares na denuncia ao fascismo, do carácter cada vez máis fascistizado dos estados «democráticos» e dos instrumentos («legais» e «ilegais») xudiciais, policiais ou lexislativos (tamén económicos, sociais…) dos que se serven para impoñer os seus plans de explotación e opresión e eliminar todo gromo de disidencia ou contestación. O Socorro Vermello Internacional debe ser unha canle pola que esperte conciencias entre sectores cada vez máis amplos da poboación de que ninguén neste contexto está libre da represión.
Por iso mesmo, debemos atrevernos a definir o Socorro Vermello Internacional como un instrumento que debe ser tomado como aglutinante de amplos sectores populares. Xa que só se o Socorro Vermello Internacional é un aglutinante, o brazo antirrepresivo do movemento popular, que efectivamente organiza e canaliza a solidariedade coa resistencia, só entón o Socorro Vermello Internacional será capaz de amosar todo o seu potencial como unha arma de denuncia política; só entón cobrará sentido cando dicimos que é necesario que a loita antirrepresiva sexa concibida de forma unitaria, rompendo sectarismos estériles e paralizantes, clarificando posicións e capaz de actuar internacionalmente, de forma coordinada.
Os presos políticos desempeñan un papel fundamental en todo movemento solidario. Pero non debemos tratalos con vitimismo e lamentándonos da súa situación; non deben converterse en suxeitos de devoción que se poidan utilizar pero a quen non se teña en conta. É o noso deber facer que os presos revolucionarios teñan voz propia no seo do movemento, na rúa.
Como suxeito, os presos continúan exercendo a súa tarefa militante. Entre os nosos principais labores está o esixir e conseguir a súa liberdade, arrincalos dos cárceres, pero debe ser esencial facilitar ao máximo o contacto entre a rúa e o interior dos cárceres. O preso tamén debe participar, como calquera outro, no debate político e nós garantirlle esta participación.
Debemos ter presente a condición de «presos políticos» dos militantes revolucionarios encarcerados, e a esixencia do recoñecemento da súa condición é parte da batalla política que debemos arrincar ao Estado.