
Movimiento Popular:
Centros Sociales Okupados y Autogestionados
-CSOA A Miñoca, creando barrio contra a especulación inmobiliaria
Abre as portas en Santiago de Compostela un novo centro social autoxestionado, o único okupado de Galiza, para responder á necesidade de vida comunitaria sen consumo.
Poucas criaturas son tan importantes para a saúde dos ecosistemas como as miñocas. Pequenas e rosadas, definidas moitas veces como feas e desagradables, as miñocas son as enxeñeiras silenciosas dos nosos solos. Ao airear o chan, mellorar a retención da auga ou axudar a fertilizar as plantas, estes seres vivos sosteñen, sen que se lles valore, parte da vida do planeta.
Os centros sociais nas nosas vilas e cidades fan un labor semellante. Crean espazos de encontro onde a veciñanza pode tecer comunidade e resistir ante unha lóxica que xa non ve os barrios como espazos de vida e coidados, senón de produtividade económica. Por iso ten todo o sentido que o novo centro social okupado de Santiago de Compostela se chame así: A Miñoca.

*Un punto de encontro no corazón de Compostela
O Centro Social Okupado Autoxestionado Anarquista A Miñoca localízase nun deses edificios que as veciñas de Compostela coñecen, aínda que sexa de oídas. Esta nave atópase moi preto da Sala Capitol e da libraría e sala de cinema Numax, e formou parte, durante anos, da vida do barrio de Sar.
“É un espazo histórico para o barrio, todo o mundo coñecía esta nave. Antes foi unha empresa de construción e despois estivo como dez anos baleira”, contan desde o CSOA. “Despois intentouse facer un proxecto de teatro, a Sala Montiel, pero acabou pechando no ano 2017”.
Agora a nave é propiedade dun construtor, Jorge Devesa, que quere derrubala para construír apartamentos turísticos. Para o colectivo isto implica máis cemento e menos barrio, unha mostra de como os espazos históricos e colectivos acaban ao servizo de intereses individuais.
“Ocupamos este edificio porque é un exemplo do que lle está a pasar a Compostela. Non estamos entrando no espazo dunha veciña, senón dun especulador que quere facer cartos a base de expulsar a veciñanza do barrio”, alegan as persoas que forman parte do colectivo A Miñoca. “Queremos crear un espazo onde as veciñas, a rapazada e xente de toda a cidade poida vir, atoparse e crear comunidade sen necesidade de consumir. Buscamos dar resposta a esa necesidade”, afirman en conversa con O Salto.
Dende A Miñoca lembran que Compostela non ten moitos sitios onde as súas habitantes poidan pasalo ben sen gastar cartos. Os poucos lugares colectivos que aínda había, como a Casa do Peixe e a Casa Encantada no mesmo barrio de Sar, ou Matadoiro e o CSOA Eskarnio e Maldizer, están pechados, con este último tapiado hai poucos meses.
*Portas abertas para todo o que queira achegarse
Durante a entrevista, un veciño achégase ata o local para avisar, preocupado, que onte alguén do colectivo deixara as chaves na porta por fóra e que teñan coidado. Non é o único que semella querer que o proxecto funcione. Desde A Miñoca fan un labor moi activo para darse a coñecer no barrio, preguntando as veciñas que pensan e asegurándose de que non hai opacidade arredor do centro.
De feito, cando o colectivo saíu polas rúas do barrio para presentarse, de cada quince portas que petaban, catorce abríanse cun sorriso. Unha realidade que pouco ten que ver co relato que se está a construír desde algúns medios.
“O outro día había unha xornalista da TVG que parecía querer forzar que a señora á que estaba a entrevistar dixera que os okupas están mal, pero non o conseguíu”, comentan. “É máis, xusto está mañá, por exemplo, estabamos a tomar o sol na porta e unha muller duns sesenta anos pasou por diante. Ao vernos, díxonos que estaba encantada e que podiamos contar con todo o seu apoio. É posible que esta acollida sexa en parte porque aquí permanece o recordo doutros centros como a Casa do Peixe que fixeron moita vida de barrio”.
Cada xornada entran polo menos dúas persoas novas para coñecer o centro, preguntar polo proxecto ou ofrecer a súa axuda. O colectivo di que se aprenden sempre os nomes das persoas que se achegan ata alí ou coas que falan. Tamén procuran preguntar polos seus oficios e cantos anos levan no barrio. ”Temos que acordarnos delas, que son as nosas veciñas“, din cun sorriso.
Para o colectivo tamén é importante que o espazo sexa realmente interxeracional, con xente de todas as idades sentíndose a gusto nel. Que o centro estea conformado por toda clase de persoas é o que lles dá esperanza de facer barrio.
“O outro día, por exemplo, foi moi guai porque unha nai entrou coa súa filla, que debe estudar no colexio que está enfronte. A nai contounos que a nena tiña interese por saber que estaba pasando aquí, así que decidiu achegarse con ela para que observase por si mesma”, explican. “E foi xenial porque deconstruímos totalmente a imaxe de okupas violentos que dan nos medios. Estabamos merendando no medio dunha asemblea”.
*Existindo sen pedir permiso
O discurso contra a okupación leva anos sendo moi ruidoso. Os medios repiten a palabra ”okupa“ coma se fose sinónimo de ameaza, pero as persoas que abriron A Miñoca saben que a realidade é outra. ”Ao final o que se está facendo é criminalizar a pobreza“, din. “Mentres alguén cun chaveiro cheo pode ter a propiedade de media cidade sen que iso apareza nos telexornais como un escándalo, nós temos vinte e dous anos, estudamos unha carreira, temos traballo e precisamos tres meses de fianza e un aval para conseguir un piso por mil euros, e diso non se fala como algo terrible”.
Ante esta situación, a okupación, explican, non é só unha necesidade práctica senón tamén unha posición política. En Galiza existe unha tradición de propiedade comunitaria no rural, como son os montes en man común, e desde a Miñoca pregúntase por que non pode existir nos espazos urbanos…
Artículo completo: